Friday 03 de May de 2024

Neda impulsa en xuño dúas sesións informativas sobre prevención de condutas adictivas en adolescentes


Impartida por persoal de ASFEDRO, a proposta forma parte do programa “Máis que un teito”

Neda acolle os días 5 e 12 de xuño dúas xornadas sobre adiccións entre a mocidade enmarcadas no programa familiar “Máis que un teito”.

Unha iniciativa encamiñada a sensibilizar, mellorar e complementar a información existente sobre a prevención familiar das condutas adictivas.

A primeira das sesións leva por título “O papel da familia na prevención das adiccións”. Da man de Rosa Mª García, técnica de prevención de ASFEDRO, as persoas asistentes aprenderán pautas para detectar situacións de risco e recibirán recomendacións sobre como ten que ser a posición familiar ante conductas adictivas. Será o 5 de xuño, de 18 a 20 horas, na Casa da Cultura.

O programa, subvencionado por Sanidade e promovido pola agrupación de concellos de Fene, Neda e Mugardos, dedicará a súa segunda entrega a falar de
“Adolescencia e adiccións: Enfoques actuais”. E nela, o director de ASFEDRO, Gerardo Sabio, proporcionará información actualizada, baseada na evidencia, sobre as adiccións, e falará das condutas de risco entre os adolescentes e a súa interferencia no proceso de maduración cerebral. A charla será o día 12, e desenvolverase igualmente na Casa da Cultura no mesmo horario.

As dúas charlas van destinadas a pais e nais con fillos e fillas adolescentes ou preadolescentes, e a entidades sociais. Para participar, cómpre inscribirse previamente nos teléfonos 981342607 ou 981492706 (Centro de Servizos Sociais de Fene) ou a través do mail servizos.sociais@fene.gal. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición.